Sunday 05 de May de 2024

O Pleno de Ordes mostra o seu apoio aos traballadores e traballadoras da Central Térmica de Meirama


O pleno de xullo en Ordes arrancou con unha declaración en apoio ao comité de empresa da central térmica de Meirama dado o posible peche previsto para 2020 ante a falta de confirmación do investimento necesario para o cumprimento da normativa europea de emisións, o que lle permitiría continuar coa súa actividade. A declaración institucional ratificada por todos os grupos da corporación sinala a afectación que dito peche suporía para a economía da zona, ademais de destacar o informe favorable de Greenpeace para manter a produción de carbón de respaldo coas renovables ata o 2030.

As persoas integrantes do comité agradeceron o apoio brindado polo pleno ordense e a solicitude emitida tanto á Xunta de Galicia como á Deputación da Coruña para que se sumen á dita declaración, ademais de por remitilo ao Goberno central e a Bruxelas. Por último solicítase que os posibles plans alternativos que a empresa poida estar a contemplar sexan debatidos cos traballadores e representantes institucionais da comarca, ademais de poñer en coñecemento da empresa propietaria, Naturgy, o texto acordado.

Tal e como sinalan dende o órgano dos traballadores a falta de informacións e a rumoroloxía apuntan a que “será en agosto, coincidindo coas vacacións de verán, cando se anuncie o peche, polo que Galicia perderá un enclave moi importante xa que esta é unha central competitiva que produce 580 MW de potencia instalada, sendo a máis rentable da empresa”, aseguran.

Incorporación fincas ao inventario
Seguindo coa orden do día por unanimidade aprobouse tamén a rectificación do inventario de bens municipais ao formalizarse por parte do Agader (Consellería Medio Rural) a entrega ao Concello de dous predios declarados non aptos para a súa inclusión no Banco de Terras de Galicia. Concretamente trátase de dúas parcelas de 50 e 276 metros cadrados situadas na parroquia de Lesta e integradas no proceso de concentración parcelaria (1 fase).

Obradoiro de emprego
A totalidade dos grupos tamén acordou ratificar o acordo da Xunta de Goberno Local de cara á creación e desenvolvemento do Obradoiro de Emprego Brañas do Illó-Río Samo. A fórmula escollida é a dunha agrupación entre os concellos de Frades, Mesía e Ordes. Precisamente será este último o que teña encomendada a xestión tras a aprobación do correspondente convenio administrativo no que se recollen os compromisos de execución asumidos por cada un dos integrantes, e que faculta ao alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo, para a súa sinatura.
Edificio do xulgado
Pola vía de urxencia, procedeuse co debate da alteración da cualificación xurídica do edificio dos xulgados para concluír co trámite de compra deste por parte da Xunta de Galicia, aspecto aprobado en novembro de 2016 no Pleno de Ordes. Cabe lembrar que no ano 1998 o Concello de Ordes e a Xunta asinaron un contrato de aluguer con opción a compra, resolución esta última acordada no 2008 pola Secretaría Xeral e do Patrimonio (Consellería de Economía e Facenda). Coa votación a favor de hoxe, agás o BNG que se opuxo alegando falta de tempo para poder estudar o caso cos seus asesores xurídicos, marca a solución para poder inscribir o dito inmoble no Rexistro da Propiedade de Ordes, co que xa se pode concluír co procedemento ademais de solucionar a demanda interposta polo ente autonómico.

Microchips
Xa no apartado de mocións o grupo socialista obtivo o respaldo de todas e todos os concelleiros e membros do Goberno para a posta en marcha de campañas informativas, coa colaboración da Policía Local, para a regularización de cans sen micrichips. Algo que está regulado por lei. Ao texto inicial a non adscrita Beatriz Martínez Candal sumoulle unha emenda de engádego que insta ao Goberno central á posta en marcha de campañas de esterilización e castración de animais abandonados, á aprobación de lexislación, á instauración de impostos pola compra de animais de raza, así como á promoción da adopción. Neste punto, e tras repasar as campañas informativas levadas a cabo polo Concello, a concelleira de Medio Ambiente, Ana Soneira, manifestou a súa intención “de seguir colaborando coa Asociación de Amigos da Canceira de Ordes, Segunda Oportunidade no que sea preciso”.

Tamén o BNG, sen excepción, obtivo o apoio dos demais grupos para estudiar mecanismos que permitan poñer a disposición da cidadanía elementos voluminosos que poidan ser reutilizados e que foron depositados no punto limpo ou nas inmediacións dos contedores. Algo que se completaría coa posta en marcha de convenios con organizacións sociais dedicadas á reparación destes elementos e con outras que traballan no eido da protección social e son coñecedoras das necesidades da poboación. Ademais tamén se insta á Xunta de Galicia á promoción da reutilización de voluminosos.